Archivos para Marzo, 2009

Unha folga silenciosa denunciará a dramática situación laboral do colectivo inmigrante

Redacción/Santiago de Compostela

19/03/09

Esta mobilización simbólica, promovida en toda España polo Foro da Inmigración, será secundada en Santiago de Compostela coa repartición de pegatinas e panfletos

O Foro Galego de Inmigración, formado por máis de setenta asociacións e entidades sensibilizadas cos dereitos dos colectivos sociais máis desfavorecidos, apoiará a folga simbólica de inmigrantes que diferentes entidades a nivel estatal promoven para o día de mañá, xusto unha xornada antes de que se celebre o Día Mundial contra o Racismo. Esta mobilización, que pretende reivindicar o traballo das persoas imigrantes nun contexto de crise económica, secundarase nas rúas de Santiago de Compostela coa repartición de comunicados e pegatinas informativas ao longo do día.

foro_inmigrantes1

Pegatina que promociona a folga

O traballo na capital galega levarano a cabo unha infinitude de persoas que integran as asociacións participantes xa que, dende o Foro, considérase extremadamente perigosa a posibilidade de pedirlle á poboación inmigrante que se sume a esta folga. “Precisamente, porque a precariedade laboral que afecta ao colectivo é o motivo deste paro simbólico, non podemos consentir de ningunha maneira que os inmigrantes abandonen os seus postos de traballo”, explica Miguel Fernández, un dos responsables do Foro Galego de Inmigración en Santiago de Compostela. Por iso, as entidades organizadoras solicitan ao conxunto da cidadanía a súa “solidariedade simbólica ou efectiva” nesta convocatoria de folga: “A nosa intención é que todos os composteláns no seu conxunto, sexan inmigrantes ou non, se sumen a esta iniciativa facendo visibles os adhesivos que deseñamos”.

Todos estos esforzos pretenden, ademais, conseguir que se modifique o Anteproxecto de Lei de Estranxeiría proposto polo goberno central e que está a punto de debaterse no Parlamento Español: “recoñecemos que existen nese texto elementos positivos como a posibilidade de que ONG´s poidan entrar nos Centros de Internamento de Estranxeiros por petición das persoas internas ou a posibilidade dunha saída voluntaria previa ao incoamento de procedementos de expulsións para as persoas en situación de irregularidade administrativa. Pero tamén entendemos que, globalmente, a reforma proposta é fondamente restrictiva e negativa en moitos outros puntos”.

Unha iniciativa a nivel europeo promovida a través de redes sociais como Facebook

A folga simbólica de inmigrantes non só estará circunscrita ao estado español senón que, ademais, terá unha incidencia a nivel europeo. Isto será posible grazas a iniciativa dun grupo de xornalistas que convocou, ao igual que en España, un paro xeralizado dos inmigrantes residentes en Europa a través dunha iniciativa que os convida a non traballar, a non usar transporte público ou a non consumir en tendas, restaurantes e cinemas. Ao parecer, os promotores desta idea, que foi promovida a través da rede social Facebook, queren demostrar as consecuencias de non contar durante esta xornada coa inmigrantes e, deste xeito, expresar a súa repulsa ás medidas adoptadas polo Parlamento Europeo en relación a este colectivo.

 Segundo afirman os voceiros do Foro Galego de Inmigración, as organizacións elixiron esta xornada a nivel europeo xa que, xusto o sábado, “festéxase en todo o mundo o Día Mundial contra o Racismo e temos a necesidade de amosar novamente á cidadanía a situación na que esta xente se encontra e, ao mesmo tempo, demostrar o noso compromiso”.

Dejar un comentario »