Dúas mans para os máis necesitados
Redacción/Santiago de Compostela
22/03/09
Dúas campañas ten en marcha Cáritas de atención e colaboración ós máis necesitados: “Acollida e Acompañamento” e “Transeúntes e persoas sen fogar”. O primeiro destes programas destínase a persoas que acoden á Ong na buscade axuda debido a que sofren algunha carencia, especialmente nas necesidades básicas. O segundo dos servizos consiste na posta a disposición dos máis necesitados de centros, albergues ou comedores sociais.
O programa de Acollida e Acompañamento pretende cubrir todas aquelas necesidades derivadas da falta ou da precariedade de recursos económicos, materiais ou persoais, suficiente para vivir cun grao de autonomía e calidade mínimas, debido á situación de exclusión e á insuficiencia da protección social da Administración. Entre os lemas de Cáritas respecto a esta campaña destacan a acollida, a escoita, a información e o acompañamento. Con esta mentalidade, a Ong compostelana ofrece primeiras axudas específicas segundo as necesidades (roupeiro, alimentos, mobles, enxoval doméstico, alimentación infantil…). Noutros casos, cando as demandas sobrepasan o campo de actuacion de Cáritas, a Ong deriva ós solicitantes ós servizos específicos competentes na problemática detectada.
Como resultado, as cifras non minten: no 2007, 1.152 persoas acudiron a este servizo de Cáritas en Santiago, un total de 7.456 en toda Galicia, segundo datos proporcioandos pola propia Ong. En canto ós recursos económicos destinados a dito programa, estes sumaron unha cantidade de 495.410, 35 euros.
Para os casos máis graves
O programa “Persoas sen Fogar ou sen Teito” colabora cos máis desfavorecidos a través de varios centros e servizos de atención a este colectivo. Ente eles cabe destacar os seguintes:
-Centro San Cibrán de Arousa: acolle a persoas sen fogar e inmigrantes, e ofrece un programa de reinserción socio-laboral. Presta servizos de atención psico-social, funcionamento e organización diaria da casa; inserción socio-laboral; ocio e tempo de lecer; “Proxecto Siembra” e traballo social.
-Albergue para transeúntes San Javier de Pontevedra: único albergue da cidade, con capacidade para 20 prazas, que ofrece servizos de información e orientáción socio-laboral, lavandería, roupeiro servizos de comidas. En total, no 2007 atendeu a 1042 persoas.
-Servizo de hixiene e lavandería de Arousa: ten como obxectivo cubrir as necesidades básicas de hixiene persoal dos sen fogar e tamén proporcionar ás persoas sen teito un recurso que lles dea resposta ás necesidades de lavado de roupa.
-Comedor de Arousa: oferta axudas na alimentación a persoas e familias que non teñen os recursos suficientes. No ano 2007 este comedor serviu 2690 almorzos, 9947 comidas e 5302 ceas, concedendo 450 paquetes de alimentos a familias.