“Non sempre axudamos a quen o precisa, senón ao que ten máis cara para pedilo”
Redacción/Santiago de Compostela
22/03/09
Entrevista a Rubén Iglesias, Técnico de Xestión de Proxectos de Cáritas na diócese de Santiago de Compostela.
1. ¿Houbo un incremento na demanda de axudas, por mor da crise, nos últimos meses?
Poderíamos dicir que houbo un incremento moi notable, de ata un 40% con respecto ao ano 2008, sobre todo de xente que nos dí que nunca pensou en chegar ao punto de ter que acudir a pedir axuda. Normalmente, entre esas persoas, atópanse familias de entre trinta e corenta anos con fillos, aínda que hai que dicir que non existe un perfil tipo.
2. ¿De qué forma os axudades?
O primeiro que facemos e intentar que esa persoa entre nunha dinámica de cambio: asinamos unha especie de “contrato de compromiso”, perseguindo a promoción da persoa a través do emprego. Cáritas traballa dende os equipos de proximidade, de xeito que se poida ter un contacto máis ou menos cercano ás persoas. Unha cercanía que permite contrastar a información que esa persoa nos dá con outras entidades (servizos sociais, Umad…) e despois, a través dunha comisión de evaluación, analízase cada caso en particular. O traballo en equipo, entre diferentes organismos, é fundamental para proporcionar a axuda que a persoa precisa.
3. ¿Notan un aumento de participación nas actividades que promoven?
A verdade é que, dende o pasado verán, notamos un incremento nas listas de espera, nas xornadas de sensibilización, de sostenibilidade… que organizamos. Por exemplo, nas últimas xornadas de formación de emprego que organizamos recibimos máis de sesenta solicitudes para cubrir quince prazas mentres que, en anos anteriores, tiñamos que andar detrás da xente para que se apuntase.
4. ¿Mudou o perfil da xente que solicita a vosa axuda?
Os máis numerosos seguen a ser os transeúntes que nos atopamos tódolos días pedindo na rúa. Porén, notamos que nos últimos meses mudou un pouco o perfil, aumentando a demanda de mulleres solas con cargas familiares, de homes en paro –procedentes de empregos de baixa cualificación nos sectores da Construcción e a Hostelería-, de familias novas con nenos pequenos e de persoas que tiñan uns hábitos de consumo bestiales e que, coa crise, non son capaces de soster. Pero bueno, moitas veces dicimos que non sempre axudamos a quen o precisa, senón a quen ten máis cara para pedilo. De aí á importancia de contrastar a información, de que a mesma persoa nos aporte documentación que acredite o que nos está a contar.
5. ¿Aumentaron os medios dos que dispoñedes para axudar a estas persoas?
Afortunadamente as institucións danse conta de que, agora máis que nunca, precisamos de medios materiais. Neste senso, están facendo moito por nós, sobre todo, tres organismos: Caixa Galicia, Barrié de la Maza e a Vicepresidencia da Xunta que, sobre todo, aporta o que precisamos para cubrir o que é a atención primaria (comida, roupa, luz…) e deixa un maior eixe de maniobra aos traballadores sociais. Con estas entidades asinamos un convenio o 1 de xaneiro deste ano que non só afecta a Santiago, senón ás cinco Cáritas Diocesanas que forman a comunidade.
6. Entre a xente que acude a Cáritas, ¿se atopan moitos inmigrantes?
Os inmigrantes están a vivir unha situación dramática, xa que moitos non constan en servizos sociais polo que proporcionarlles axuda é moito máis complicado. Os inmigrantes representan a man de obra barata e, se antes de entrar na crise vivían nunha situación de desesperación e total desamparo, agora que a crise afecta a todas as familias…
7. Cáritas adoita relacionarse con campañas como a “Operación Kilo”, ¿realmente a xente coñece tódalas áreas e programas que levades a cabo?
Relacionarnos simplemente coas campañas de alimentos que se fan durante o nadal ou como entidade que reolle roupa vella é o eterno lastre pero, coa crise, cada vez a situación nos leva máis a eso. Temos catorce áreas de intervención, con diferentes programas integrados en cada unha delas, a través dos que intentamos que a persoa progrese sempre polos seus propios medios: proporcionámolles a caña e a comida para pescar, non o pescado, como se adoita dicir.
8. ¿Qué xestionades en cada unha desas catorce áreas?
Temos un programa de acollida en colaboración co albergue dos Franciscanos, que teñen arredor de trinta camas ao día, e que completamos co aluguer dalgúns pisos. Temos un programa de emprego, transeúntes ou persoas sen fogar, persoas, maiores, voluntariado, drogodependencias, inmigrantes, menores en risco, mulleres… temos un abanico de áreas que nos permiten traballar segundo as necesidades de cada persoa.
9. ¿A visión de futuro é moi desesperanzadora?
Non podo falar do futuro, o único que sei é que son entre vinte e trinta as persoas que acuden a nós de forma desesperada, sen traballo, sen casa, en situacións familiares moi sensibles… O que fai que o panorama presente sexa, dende logo, moi desolador.