Redacción/Santiago de Compostela
18/03/09
Tras un proxecto están os posibles beneficiarios. E no fío dunha idea deste calado xorden historias persoais. Desta vez tócalles a Patricia e mais a Toni.
Patricia veu de A Guarda para se licenciar en Física hai xa sete anos. “En primeiro foi moi ben, pero logo tiven un par de anos nos que estiven máis pendente doutras cousas”, confesa a moza. Santiago, que tantas veces é nomeada como lugar idílico para universitarios, ten tamén para ela e a súa cadeira de rodas algunhas vantaxes incontestables: “é moi importante que o campus estea integrado dentro da propia cidade”, expón. Vive nunha residencia da zona sur que confesa que “está ben adaptada”, e por si soa se despraza sen maiores problemas cada día á súa facultade. Todas as propostas que pretendan mellorar a facilidade de acceso para os discapacitados na universidade son positivas, na súa opinión, pero antes de reducir as melloras da calidade ó ámbito da USC reclama ademais un compromiso real da cidade no seu conxunto. “Hai centos de locais de Santiago que non están para nada adaptados. E non falo xa de constuccións antigas, senón que incluso das que se fan de novo”.
Toni licenciouse en Xornalismo en 2006, traballa na radio, e agora está a preparar o seu doutoramento nesa mesma facultade. É invidente e, aínda que recoñece que en moitas materias “foi inevitable unha adaptación curricular” que lle permitira traballar dentro duns parámetros similares ós dos seus compañeiros, está seguro de que os problemas de accesibilidade para os alumnos que teñen a súa mesma discapacidade poderían mitigarse “sempre que exista boa vontade por parte de ambas partes, tanto dos alumnos como dos profesores”. El mesmo observa que, con maior frecuencia, os profesores están acostumados a tratar con estudantes que posúen calquera clase de discapacidade.