Prisioneiros das rúas
Redacción/Santiago de Compostela
22/03/09
Dende hai case un mes, o seu fogar son as pedregosas rúas de Compostela, onde fan voar os seus malabares a ritmo de frauta. Cada día, Yoli e Bruno escollen o escenario ambulante onde amosar a súa arte, “xeralmente a praza do Toural ou a rúa do Franco” explica Yoli. Os seus cans os acompañan na xornada bohemia e, arrinconados contra unha parede ven as moedas caer no sombreiro de Bruno.
“Coñecímonos nun centro de desintoxicación en Oviedo. Pero o deixamos, non nos axudaba e algún día tiñamos que saír de novo ó mundo real” comenta Yoli. Di non lembrar como chegou á rúa, os obstáculos que a obrigaron a mendigar e durmir sobre cartóns. “Un día deime conta de que xa non podía volver a casa, así que collín as miñas cousas e funme sen saber moi ben que facer. Bruno acompañoume, pois el estaba na mesma situación cá mín” conta Yoli coa mirada perdida.
Son nómadas por natureza, permanecen nunha cidade ata que esgotan o seu encanto. “Conseguimos un pouco de diñeiro cada día para comer e pouco máis, cos malabares e pedindo polas terrazas. Pero cando a xente xa non nos dá máis, marchamos a outro sitio e volta a empezar” relata Bruno. Tamén afirma non crer nos Servizos Sociais, nin nas Ong’s. “Durmimos algunha que outra vez en albergues municipais, e tamén comimos en comedores sociais, pero non te arranxa nada, é comida para hoxe e fame para mañá. Ademais, nos resulta máis cómodo durmir en casas abandonadas ou en portais, porque non tes que adaptarte a ningún horario”.
Artistas urbanos por obrigación con alma de bohemios, xa non aspiran a recuperar a súa antiga vida, nin a súa casa, nin o seu traballo, nin a súa familia. “Non podemos presentarnos así en casa, sen un duro, nin traballo, nin nada. Esta é agora a nosa vida, na rúa” afirma con serenidade Yoli.
Outras orixes
Nostalxia e resignación se debuxan nos ollos de Josefa ó botar a vista atrás no tempo.Un cartón que di “Tengo hambre” é a súa única arma para apelar á caridade dos transeuntes que cada día pasan por diante da porta o céntrico supermercado onde se instala cada mañá. “É triste chegar a esta situación, pero máis triste sería morrir de fame” afirma Josefa.
A mala administración dos negocios do seu marido foron esgotando os seus aforros e as súas propiedades pouco a pouco. “Tivemos que vendelo todo, ata a casa, e vivimos nun piso de aluguer un tempo, pero nin nos chegaba para pagar as facturas, e case nin para comer”. Desesperada, Josefa acudiu a Cáritas e outras Ong’s, en busca de axuda e asesoramento. “Portáronse moi ben comigo, déronme comida e pagáronme algunha factura”. Porén, o seu marido nunca aceptou vivir da caridade doutros, se avergoñaba diso, e un día deixou o seu fogar e a súa muller, e nunca volveu. “O único que me deixou foron débedas. Non sei se está vivo ou morto” pronuncia cos ollos humedecidos.
Sen traballo nin sustento, Josefa volveu acudir ás Ong’s compostelanas, que de novo cubriron as súas necesidades básicas. “Durmín varias noites en albergues, e tamén comín na cociña económica. Pero iso durou unha época, e logo a unica alternativa que me quedou foi a rúa. É moi difícil refacer a túa vida con 62 anos”. Sen fillos nin outra familia, Josefa arrepíntese de non ter buscada unha solución antes de agraverse o problema. “O meu marido se avergoñaba da caridade que nos daban, pero sei que si me deixase guiar por eles, cecais hoxe non durmiría sobre cartóns”.
Dúas historias diferentes, pero cun mesmo denominador común: a vida golpeou con forza ós seus protagonistas. O seu destino aínda non está escrito, xa que a solidaridade e a caridade social aínda teñen moito que aportar ós máis salpicados pola crise e ós desafortunados economicamente.
1 Respuesta por mucho »
Comentario RSS · URI para TrackBack.
Fogar sen paredes, vida sen rumbo « Xornalistas’s Weblog escribió,
Marzo 22, 2009 @ 2:47 pm
[...] Prisioneiros das rúas [...]